Tuesday 07 de May de 2024

O novo plan para a ría do Burgo propón un aumento de paseos e zonas verdes e a revalorización do enclave das Xubias


A proposta para a ría, que inicia o seu trámite ambiental, propón unha redución do 62,5% da edificabilidade no ámbito

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de construción dunha segunda rotonda que axude a mellorar a seguridade viaria na avenida de Fisterra, no cruzamento coa rúa Gutemberg

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a proposta de planeamento para a ría do Burgo, proposta que senta as bases para un novo desenvolvemento no litoral da ría entre a praia de Oza e A Pasaxe. A alcaldesa, Inés Rey, explicou que o documento aprobado este mércores, supón o inicio do trámite ambiental para a posterior modificación plenaria do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O documento é o punto de partida para pechar unha proposta cos grupos que axude a deseñar un futuro idóneo para este espazo.

A proposta, que contempla unha redución da edificabilidade dun 62,5 % neste ámbito con respecto á recollida en 2008, explicou a alcaldesa, abrangue tamén a creación de novas zonas verdes e unha senda peonil e ciclista que conecte os extremos de Oza e A Pasaxe pola costa, dando forma a un novo tramo do paseo marítimo que bordea a cidade da Coruña.

O documento aprobado na Xunta de Goberno Local deste mércores propón que edificios dunha notable singularidade, como os pazos de Guyatt e A Pasaxe, se recuperen como equipamentos para uso público. Ademais, tamén se protexerían elementos de relevancia na paisaxe, como o antigo apeadoiro da Pasaxe ou a posta ferroviaria das Xubias. “É un plan que mellora, por moito, o proposto no ano 2008. Mantén os valores tradicionais deste enclave, e ofrece un maior respecto polo patrimonio e a natureza”, detallou a alcaldesa, Inés Rey.

O proxecto, que busca revalorizar e protexer o medio ambiente na contorna das Xubias, será unha proposta susceptible de melloras no seu trámite previo á aprobación plenaria. Aprobación dunha segunda rotonda no cruzamento da avenida de Fisterra coa rúa Gutemberg

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a construción dunha segunda glorieta que axude a ordear e calmar o tráfico nas inmediacións da avenida de Fisterra. Esta infraestrutura, que contará cun orzamento de 396.000 euros, estará situada no cruzamento coa rúa Gutemberg, na contorna do polígono de Agrela.

Esta rotonda da continuidade ao plan de melloras de seguridade viaria previstas polo Concello da Coruña na avenida de Fisterra. Xa o mes pasado, a alcaldesa anunciou o proxecto para unha primeira glorieta no cruzamento entre a avenida e a rúa Gambrinus. As dúas glorietas, indicou Inés Rey, buscan evitar novos accidentes como o que acabou, nese punto, coa vida de dúas persoas.

Nova licenza para edificar no barrio de Xuxán
Ademais, o Concello deu luz verde á licenza de construción dun novo edificio no barrio de Xuxán, un inmoble que contará con 32 vivendas e suporá un investimento privado estimado en 4,8 millóns de euros.

A maiores, aprobouse unha nova subvención, superior a 100.000 euros, para axudar á rehabilitación dun bloque de vivendas situado na rúa Pensamentos, no Barrio das Flores.

Por outra banda, o Concello prorrogará o convenio coa Deputación da Coruña para financiar o mantemento do programa ‘Rede municipal de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero’, “que supón un investimento anual de 439.000 euros e que, a través da Casa de Acollida e os pisos de transición, axuda a prestar un servizo fundamental na cidade da Coruña para loitar contra a violencia de xénero”, indicou Inés Rey.